Monday 29 de April de 2024

A Xunta aposta polo desenvolvemento da Eurorrexión nos proxectos presentados aos Fondos Europeos Next Generation


As propostas, por un importe de case 29M€, están centradas en actuacións ambientais, de mobilidade e de impulso económico e turístico en beneficio de ámbalas dúas comunidades a un lado e outro do río Miño

Aos proxectos, incluídos nos 354 propostos pola Xunta de Galicia, abranguen actuacións globais na eurocidade Chaves-Verín e na área transfronteiriza do Baixo Miño

A Xunta de Galicia aposta polo desenvolvemento da Eurorrexión nos proxectos presentados aos fondos europeos Next Generation, tal e como subliñou hoxe o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, na presentación do proxecto da ponte internacional para peóns e bicicletas entre os parques de Castelinho (Vila Nova da Cerveira) e Fortaleza (Goián-Tomiño), no lugar de Goián, en Tomiño.

Incluídos nos 354 proxectos que a Xunta de Galicia presenta á candidatura española para os fondos europeos, cun orzamento próximo aos 20.000 millóns de euros, as propostas centradas na Eurorrexión tratan de impulsar unhas relacións físicas, sociais, económicas e turísticas entre os pobos aos dous lados do río Miño que, como quedou demostrado na pandemia, son fundamentais para os seus habitantes.
Os proxectos encádranse nos obxectivos dos fondos de recuperación da UE, que inciden na transformación ecolóxica e dixital para acadar unha sociedade más igualitaria, e centran as súas actuacións na eurocidade Chaves-Verín e na área transfronteiriza do Baixo Miño.

Na área transfronteiriza do Baixo Miño proponse a ampliación da ponte internacional da eurocidade de Salvaterra-Monçao, con carrís peonís e para uso das bicicletas, así como recuperar e protexer o espazo da Rede Natura 2000 Baixo Miño entre Tomiño e Tui. A proposta inclúe tamén a construción dunha ponte internacional, peonil e ciclista, na eurocidade Cerveira-Tomiño e a creación do que sería o primeiro parque transfronteirizo de ocio, cunha superficie de 25,6 hectáreas entre Goián (Tomiño) e o Parque do Castelinho en Vila Nova de Cerveira, localidades que se unirían por unha ponte internacional para peóns e bicicletas sobre o río Miño. A candidatura recolle tamén a creación dun parque agroindustrial para dar servizo ás empresas do sector que operan na zona, a posta en marcha dun cámping sostible, o deseño dun anelo verde transfronteirzo ou a implantación de modelos de mobilidade brandos entre os dous lados da fronteira.

Na eurocidade Chaves-Verín proponse a creación dunha pasarela internacional de seis metros, co obxectivo de promover a Eurorrexión como destino turístico seguro, impulsando o Camiño Interior de Portugal e a súa unión coa Ruta da Plata. Para a mellora da accesibilidade da rede de transportes de pasaxeiros, a candidatura recolle a posibilidade de prolongar as comunicacións terrestres da liña Chaves-Verín ata a nova estación de A Gudiña e Ourense para conectar a rede de alta velocidade de España co interior de Portugal. Coa vista posta no desenvolvemento económico, preténdese crear un centro de innovación para a incubación de microempresas de base tecnolóxica, así como un viveiro de empresas especializadas en sectores punteiros na zona e unha lonxa, coa finalidade de crear emprego xuvenil e impulsar a mobilidade laboral na Eurorrexión.
O conxunto de propostas pretenden mellorar as relacións e as comunicación entre o sur de Galicia e o norte de Portugal para evitar que as fronteiras administrativas prexudiquen a calidade de vida dos pobos que as comparten e para impulsar as potencialidades turísticas dun espazo aínda descoñecido para a maior parte da poboación.